lunes, 15 de junio de 2009

Por unha oposición activa á pseudoconsulta do PP no ensino Marca “Todo en galego” / “Só galego” e cubre as observacións

Por unha oposición activa á pseudoconsulta do PP no ensino
Marca “Todo en galego” / “Só galego” e cubre as observacións


A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con outras organizacións con
presenza no ámbito educativo, consensuou un posicionamento fortemente
crítico coa consulta que está a realizar a Consellaría de Educación. Ademais da
propia Mesa, subscribiron ese posicionamento a Asociación de Directores e
Directivos de IES, a AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de
Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de
Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela,
Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística,
CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT,
Nova Escola Galega e STEG.

Tendo en conta as valoracións realizadas nese posicionamento unitario, A
Mesa realiza as seguintes propostas para facermos unha oposición
activa a esta pseudoconsulta:

1) Marcar a opción “galego” (en infantil e FP) e “todo en galego” (primaria
e secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos
en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e
como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos
por todo o ensino en galego, pois esta opción non a considera a
Consellaría.

2) Incluír na epígrafe de observacións da consulta unha petición semellante
á que se expresa a continuación:

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que
non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de
promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso
da comunidade educativa e que emana do Plan xeral de
normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade
no Parlamento galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non
me parezan lexítimos.

Cómpre que se dean a coñecer estas propostas ás familias con estudantes que
vaian participar na consulta. Temos só esta semana e a vindeira (até o día 19)
para o facermos.

Así mesmo, podemos divulgar unha sms co seguinte texto: “Consulta ensino en
galego: Sinala galego/todo galego. En observacións pon: Todo o ensino en
galego. Aplicación actual decreto. Deslexitimo resultado da consulta.”

No hay comentarios: